top of page

De onde veñen as filloas?

Se volvemos a vista atrás e intentamos pescudar cales son as orixes da filloa Galega. Ao parecer o seu nacemento é confuso e temos que viaxar ao mundo grecolatino.

 

Nos campamentos de lexionarios, os romanos facían unha especie de filloa primitiva con auga e fariña, ao que chamaban phyllon, palabra de orixe grega que ten por significado “lámina”. Se os romanos adoptaron esta palabra do grego é probable que os gregos soubesen tamén facer esta mistura. Na Roma Imperial comezaron a engadirlle outros elementos como leite, ovos ou especias.


E a partir de ese intre a filloa desaparece e reaparece máis tarde como unha tradición precristiá que se espalla polo que hoxe coñecemos como Europa. Beda, o Venerable, un  monxe beneditino no mosteiro de Saint Peter en Monkwearmouth, fala do solmonath na súa obra “De temporum ratione”. O solmonath era o mes de febreiro para os ingleses da época e nel facíanse ritos ao sol e á fertilidade, así como lles ofrecían aos deuses un prato do que nós coñecemos como filloas. E mirade por onde, as filloas eran comida de deuses!

Seguindo esta pista, as filloas chegaron a Inglaterra no século V coas invasións dos celtas centroeuropeos. Xa na Galicia celta os habitantes facían filloas, cociñaban todos os alimentos enriba dunhas pedras que tiñan por baixo unha fogueira e, aquelas parrumeiras que utilizaban para facer filloas, chegaron ata os nosos días. Por se fose pouca esta mestura de culturas, os indios de México utilizaban tamén pedras rectangulares, lisas e moi semellantes ás que utilizaban os celtas.

É complicado adxudicar o nacemento deste prato a unha cultura, mais está claro que tódolos individuos que gozaban de cereais fixeron tortas a base de auga e fariña para alimentarse e, curiosamente, estes son os dous ingredientes principais da filloa.

arredor do mundo

Pita en Exipto e África, baklava en Grecia e Albania, blinis en Rusia, pasta filo na cociña oriental, pancakes na cultura anglosaxoa, crêpes en Francia e blintzes en Israel. Pódese seguir co plattar en suíza, tortillas en México, pfannkuchen en Alemaña ou crespelle en Italia.

Chamádelle como queirades, pero en Galicia xa se cociñaban hai mais de 300 anos. Os antepasados de Ambrosio e Luisa xa o facían na casiña de Marcón de diferentes formas. Na pedra que aínda conservan e tamén no filloeiro do pai de Luisa que gardan con tanto agarimo polos bos recordos que lle traen.

  • YouTube - Black Circle
  • Facebook - Black Circle
  • Google+ - Black Circle
  • Instagram - Black Circle
  • Wix Facebook page
  • Black Instagram Icon
bottom of page